jueves, 30 de noviembre de 2006

Capítulo 5

En toda esta semana non tiven un anaquiño para poñer ó día ó blog, así que hoxe vou facer un percorrido-resumo polas andainas destes días.
O luns cambiei de aula, e de mestra, nesta nova aula as cousas son moi distintas, a organización, as rutinas, oas relacións...
Temos, a destacar unha nena de procedencia china, que chora moito, pero que pouquiño a pouco vaise integrando, anque a hora da separación dos seus pais, cando entra na escola pola mañá, é, sen dúbida, a máis dura para ela.

Os encargados do día distribúense de xeito distinto, hai dous, un dos "pequenos" e un dos "maiores",xa que nas actividades de "traballo" tamén son separados por idades tódolos nenos/as e postos en mesas distintas.
O encargado/ maior chama a cada neno/a lendo o seu nome nunha lista, e o neno ou nena que é chamado ten que busca-la súa foto para colocala nun panel da parede no que hai unha escola ou unha casa.
A encargada pequena encárgase de poñerlle un sombreiro (debuxado en papel) á unha bruxa Peluxa que teñen na parede, anque realmente existe a boneca non a utilizan ( a mestra dí que si un día se portan ben algún neno/a a levará para a casa, pero que iso aínda non aconteceu) , empregan un debuxo colgado na parede, e segundo o día póñenlle un gorro de chuvia ou de sol.

Despóis a mestra pregunta que tal foi a tarde anterior e cada neno/a conta algo pedindo turno de palabra, cando rematamos, a mestra amosa unhas láminas con debuxos para que os nenos/as adiviñen que é o que ven, a continuación pasan ó traballo de mesa. Despóis de scribir no encerado que día é.Os maiores traballarán sobre esas láminas, os de tres anos están co número un e a ficha que hoxe lles toca é de pintar unha mazá,ós de catro fan ficha de círculos e cadrados.
Xurde algún conflicto entre as pinturas ou porque a un neno non lle apetece pintar, a mestra"castiga" ós pequenos/as con que se vaian sentar e pensen. Non os anima a negociar entre eles, nin a aclarar e falar os conflictos, os nenos/as sentan e despois dun rato din que xa pensaron, a mestra pregunta a que conclusión chegaron e si ésta é satisfactoria volven a incorporarse á actividade.

Cando toca no horario a área de relixión, acude unha mestra allea ó centro coa que normalmente, pintan velas, anxiños..., os nenos/as que teñen alternativa, van a un espacio diferente da aula, e tamén pintan, flores.
Cando remata a clase o grupo vólvese a unificar e chega unha hora de xogo , na que se propoñen cada día uns materiáis distintos: luns platilina, martes puzzles... pero a realidade é que é bastante aleatorio, fórmanse pequenos grupos nos que cada un escolle o xoguete que quere independentemente de que os seus compañeiros/as estén coa plastilina.
Á hora da despedida os nenos/as cambian o mandilón polo abrigo e marchan, mentres a mestra canta (ela soa, os pequenos/as non lle fan demasiado caso).

lunes, 27 de noviembre de 2006

Capítulo 4

Venres, o último día da miña primeira semana como observadora na escola, cando falara coa mestra sobre as miñas prácticas pedinlle que me deixase unha semana para afacerme ós seus ritmos, para coñecer ós e ás rapaces/as, porque nunca antes tivera contacto co día a día dunha clase de infantil, e quería entende-la súa dinámica antes de propoñer algo, así que este era o último de día de recollida de información e de observación no sentido estricto, porque a miña idea é comezar en breve, a propoñer e levar a cabo actividades, programacións e proxectos que se me foron ocurrindo.

Como sempre o rincón do conto estaba a agardarme e os pequenos/as nel, cando cheguei estaban a sortear a revista do "Plis-Plas", que foi recibida cunha tremenda alegría para ós e ás afortunados/as, aínda que o feito de ter que decir un número do 1 ó 10 non o entenderon moi ben, repetiron números, e olvidáronse doutros.
Despóis, mentres os maiores traballaban nos cadernos de matemáticas, dous deles o facían no ordenador cun programa de sumas e restas.
Os pequenos/as ensináronme o xogo de cartas que tocaba para esta tarde o "Unno", no que tiñamos que emparellar animais ou números, respetando os trunos de cada un, o que esixía un bo nivel de atención, para saber cando lle chegaba o turno a cada xogador.
Para rematar a tarde unha nena deixoume facer a súa silueta, que pode decorar do xeito que ela queira pero sen repetir as decoracións dos seus compañeiros, aínda está pensando cómo o vai facer...
Un tren, e xa chegou a hora da saída!

Capítulo 3

O xoves foi un día bonito, Jasim non veu á escola, pero os demáis xa estaban agardando no rincón dos contos a poesía coa que empezar a xornada, xa que esta tempada, nesta clase están traballando poesía, e leese unha ó entrar e outra ó saír, as poesías tratan sobre contos clásicos que os nenos e nenas xa coñecen, así que despóis de lelas, iniciamos un xogo de adiviñas para comprobar que os rapaces/as entenderon o lido e saben de que conto se lles está a falar.

Despóis os de cinco anos tocoulles facer traballo de matemáticas nuns cuadernos editados, e os de 3 e 4 anos pintaron, a mestra púxolles un cuño coa data ós debuxos e pinturas de cada un, e animounos a escribir debaixo dos debuxos un título ou nome da súa creación.
Cando os maiores acabaron de desenredar un lío de globos que viña no seu caderno, todos xuntos acabaron a xornada xogando ós clips de playmóbil, dinme conta, entón, do interese deste xogo, non sexista e que permite a participación de todos, deixando un espacio e un ritmo de xogo diferente para cada un/unha.

Mentres o gran grupo xogaba un par de nenas estaban a confecciona-la súa silueta, mañá preguntareilles que dinámica seguen e por que fan esa silueta.
Para marchar fixemos un tren grande, e despóis da poesía de despedida, marchamos para a casa!.

miércoles, 22 de noviembre de 2006

Capítulo 2

Ó seguinte día foi moi interesante, puiden observar a rutina de acollida, donde cada neno e nena daixaba a súa bolsa da merenda nunha mesa, quitaba o abrigo e poñía o mandilón, bueno, todos menos Marcos que é o máis pequeno e ainda ten que pelearse un rato cos botóns.
Cando todo o mundo estivo listo volvimos a sentarnos no círculo dos contos, e alí, seguindo a lista vin á encargada do día en plena acción, colocou a data no calendario, o tempo que facía e pasou lista, Aroa, foi dicindolle "ola" a cada neno e nena polo seu nome, e eles/as respondíalle :-Ola caracola sin pistola! , ou -Ola princesa mora en un castillo!.
Despóis do reconto dos que viñeran á escola coñecín á libreta viaxeira, unha libreta que xa ten dous anos e que cada semana visita a casa dun dos rapaces/as, nela os papás ou as mámás escriben un refrán, unha canción, unha rifa, ou un dicir, que a eles lle contaran cando eran cativos.Nesta ocasión tocáralle a Carmen e a súa mamá escribíu a canción "Que llueva, que llueva.."Así que a aprendimos entre todos/as, puxémoslle xestos, e logo a cantamos con palmas, coa lingua fóra, cos brazos estirados, sen voz, nunha roda, nun tren... ó final todos e todas sabíamo-la letra enteiriña.
Tocou pintar despóis, unha folla na que tiñan escrita a canción e unha foto de Carmen, para que recordasen que fora ela a que trouxera a canción á escola.
Alba preguntou que era unha cova, e despóis de varias versións do máis variado, os propios nenos/as, coa axuda das preguntas da mestra chegaron á conclusión de que era un sitio de pedra no que collía un neno e os seu pais, e que dentro se podía facer lume, ah! e que nalgunhas vivían ladróns!
Despóis merenda, e mentres comprobaba con alegría que as merendas dos pequenos e pequenas eran do máis sanotas (froita, zanahoria, galletas, iogures...), chegou Jasim, Jasim é un neno africano de nai valenciana e pai holandés que acaba de chegar hai tres semanas a Galicia, ten uns ollos enormes cos que todo o investiga, apenas falou, pero víase que lle gustaban as cousas que había na escola, "Es negrito", dixo unha nena, - "sí,e tí blanquita", respondeulle a profe , os nenos preguntábanlle a Jasim se era de África, de donde son os rinocerontes, e Jasim respondía que sí coa cabeza, achegábase ós demáis nenos e nenas, pero en canto éstes lle prestaban atención Jasim prefería marchar a outro sitio, mentres os demáis remataban a merenda, eu aproveitei para achegarme a él e xogar un anaquiño, conseguín que me dixese -"non enta", referíndose a unha peza dun tente que non lle encaixaba na outra.
No recreo Jasim comezou a xogar donde estaba o barullo dos nenos, que enseguida se separaron das nenas, eles tirábanse polo tobogán e xogabana "pegar", elas a que unha estaba morta e as outras viñan a curala.
Jasim acabou nun balancín, enfrente de catro nenos que lle empuxaban e non deixaban de miralo e tocalo, por suposto non tardou en comezar a chorar, a mestra explicoulles que seguro que lle encantaba xogar con eles, pero que tiñan que ser xogos máis tranquilos, nun momento empezaron a pasear collidos da man catro nenos entre os que se atopaba Jasim, sorrindo un pouquiño.

Capítulo 1. O Comezo

Dí­a 1
Chegeui á escola de portas encarnadas xusto na hora do conto, así­ que foi fácil atopar máis anxos que demos na aula, o conto absorvíalles a atención, "Garbancito" permitiume observalos nun estado de concentración e silencio, ainda que a miña chegada perturbou un pouco a historia, porque todos e todas quixeron saudarme.Cando remataron o conto, chegaron, inevitablemente as preguntas, que no cí­rculo do rincón da lectura comezáronse a plantexar: Cantos anos tes?Por que estás aquí­?Canto tempo vas quedar?E despois aproveitei o meu turno para preguntarlles a eles si xa sabí­an que querí­an ser de maiores, e un desfile de estereotipos comezou, as nenas mamás e profesoras, os nenos policí­as ou motoristas, ai, ai, ai... que pasa nesta sociedade, que non hai forma de cambiar determinadas ideas?Mañá¡ voulle propoñer un conto á profe, que se chama "Vanesa non quere ser princesa", a ver si conseguimos que algún, ou algunha, transforme as súas aspiracións, xa vos contarei...

Despois puiden ir á clase do lado, onde tamén hai uns dezaseis nenos de idades mesturadas, pero aquí non había hora do conto nin nada que se lle parecera!
A aula era un pouco caótica, había un neno de cumpleanos, e os seus compañeiros estaban "celebrando a festa" cada un ó seu xeito!!
Despois de un bo rato a mestra e eu conseguimos sentalos para presentarme, e neste caso, no que volvín a aproveitar para preguntarlles que van ser de maiores, leveime unha grata sorpresa: veterinarias, cociñeiros e unha camioneira, ah! e unha nena que quere ser mamá "pero sen marido, que non me gustan".
Despóis de comer un anaco de tarta e de cantar en inglés e castelán o cumpleanos feliz, os nenos e nenas puxeron os abrigos, nunha revolución de mandilóns e mochilas, e marcharon, a mestra suspirou aliviada e dixo -Ata mañá!, con alivio.

lunes, 20 de noviembre de 2006

Había unha vez....

Había unha vez...
Aquí comeza a historia, de como coñecín a vinte e tantos nenos e nenas e ás súas profes, o seu día a día, os seus problemas e disgustos, as súas ilusións, e as ganas de descubrir, de explorar e de curiosear un mundo que aínda están empezando a coñecer.
Teño a sorte de poder entrar nas dúas aulas dunha pequena escola unitaria,chámase "Os Ánxeles", en Brión, é unha casiña de pedra que tódalas mañás e tódalas tardes abre as súas portas coloradas de emoción, para recibir a pequenos e pequenas das casas dos arredores, os máis cativos/as teñen 3 anos, os/as maiores, 5 anos, e cada un deles está comezando ou continuando unha viaxe que os levará... quen sabe? ó mellor, algun deles ou delas, acaba como mestre ou mestra, contaxiado desta inquedanza de achegarnos tanto ó mundo dos nenos e nenas, que nos leva a espachurrar o noso nariz contra os cristais das súas escolas.
Poderei descubrir neste tempo, se efectivamente, esta escola é de "anxos" ou "diablillos".
Que empece a función.